Compartimos o sumario e mais a presentación do primeiro número da revista
*
SUMARIO
Presentación
CEN FOLLAS DE ARTES E LETRAS. O PORQUÉ DUNHA REVISTA
Héctor Quintela
Investigación
BENITO PARDO DE FIGUEROA, NAPOLEÓN BONAPARTE E O PAPEL PINTADO DO PAZO DE FEFIÑÁNS
Bea Laya
Especial Ramón Cabanillas
NOTAS SOBRE O LEGADO FAMILIAR «RAMÓN CABANILLAS»
Francisco Fernández Rei
ENTREVISTA A PITUSA CABANILLAS
Jose Vaamonde
Papeis de Torrado
10 ANOS DE «PAZO TORRADO» (2009 – 2019)
Jose Baamonde
«VERSOS SOLTOS»
Vari Caramés
Presentación de Jose Vaamonde
ENTREVISTA A FRANCISCO LEIRO
Héctor Quintela
Cartafol Cunqueiro
A PROPÓSITO DE CAMBADOS, DE CIERTA EMPERATRIZ DE CUYO NOMBRE IGNORAMOS Y DE ALGUNAS DUDAS QUE NOS DESASOSIEGAN
Ramón Loureiro
EL SURREALISMO ENXEBRE DE ÁLVARO CUNQUEIRO: UNA GEOGRAFÍA ESPIRITUAL DE GALICIA
Ernesto Baltar
CASA FANTASÍA, O NO
Marcos Abal
Verbas vellas
UNHA TARDE NA PASTORA
Lino Silva
Presentación de Héctor Quintela
Creación
DOS RELATOS
David Espasandín
POEMAS
Xosé Mª Vila Ribadomar
Anuario cultural
DE MAIO A MAIO
*
Cen follas de artes e letras. O porqué dunha revista
REVISTAS hai xa dabondo. É así que cómpre xustificar a aparición ducha nova.
A existencia dunha revista xustifícase polo seu contido e o primeiro que ten que falar do seu contido é o nome que leva. Cen follas de artes e letras: sendo unha revista feita dende Cambados non será difícil que o lector se lembre d’A rosa de cen follas de Ramón Cabanillas, cuxa cuberta manuscrita se reproduce na páxina anterior. Rosa de cen follas que se quere revista de cen páxinas, dedicadas ao recordo daqueles veciños que enriqueceron as nosas artes e as nosas letras, e con elas a nosa vida. Veciños naturais e de paso, coma Cabanillas e Asorey, Valle-Inclán e Cunqueiro, Plácido Castro e Narciso Pérez ou Leiro e Manolo Paz, e tamén veciños na imaxinación, coma o poeta Miguel d’Ors. Pero non só, porque recordar a estas xentes é celebrar, no seu exemplo, un enriquecemento da mirada sobre as cousas que obrou o milagre de que hoxe Cambados siga sendo berce de pintores, escultores, escritores e amables diletantes. E quixeramos contribuir a que tal conversa non se detivera.
Así pois, quérese celebrar que teñan nado, pasado e pensado xentes en Cambados, no Salnés e na Arousa que, por medio do seu traballo nas artes, ofreceron o mellor que tiñan. Mais tamén que houbera xentes que souberon acoller o mellor do que deron aqueles primeiros. E quérese sinalar que isto foi así e que non deixou de selo, nin debera deixar de selo. Porque ás veces tal cousa se perde de vista. Véxase cun exemplo: a vila de Cambados é berce de bos escritores, bos escultores e bos pintores tanto coma de rica cepa albariña ou rica ostra. E tan é así que estes segundos víronse acotío prestixiados pola atención que lle brindaron os primeiros. E ás veces priviléxiase unha cousa por riba doutra. Así, como inventor do albariño xunto a José María Castroviejo —téñeno dito Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Méndez Ferrín—, dedicámoslle un cartafol a falta dunha estatua, débeda, ao inesgotable Álvaro Cunqueiro.
Cando o ámbito galego da arte pasa por un período de inestabilidade, a Sala “Pazo Torrado” cumpre dez anos feita sala de referencia. Cousa que terá especial recoñecemento nestas páxinas, nas que se lle establece unha sección permanente: «Papeis de Torrado». A atención que o Concello lle presta ás figuras das distintas artes apréciase no proxecto do museo dedicado ao poeta Ramón Cabanillas. Para celebrar a súa posta en marcha, ben necesaria, aparece nestas páxinas un «especial» entregado á memoria do chamado “Poeta da Raza”. A sección «Verbas vellas» é lugar para a recuperación de textos peculiares ou de singular valía, e de voces non de todo atendidas e ás que cómpre escoitar. E lugar haberá para a publicación de prosa literaria e verso escritos hoxe, que hoxe é onde vivimos e hoxe é o lugar que importa. Con especial gusto, gardaranse páxinas para a publicación de artigos de investigación e toda sorte de crónicas: non sería un reto menor para estas cen follas facerse un nome nos estudos salnesás. Para rematar, publícase un anuario cultural da vila donde se recollerán as aportación máis destacadas ás artes e ás letras.
Agora trátase de manter a revista no tempo: estas páxinas iranse enchendo unha vez ó ano, espérase, co esforzo de todos, porque non ten sentido ningún que sexa unha revista ensimesmada, que fale para si ou só para uns poucos. Estará pois aberta para todo aquel que desexe contarnos ou dar algo que faga compañía ao lector —mon semblable, mon frère—, destinatario deste cento de páxinas.
Héctor Quintela
